[2017-06-28]
As federacións empresariais contaron por fin con apoio policial para poder atender os servizos mínimos, aínda que fora minimamente
O sector insiste en culpar ao inmobilismo da Xunta dos graves prexuízos da folga
· Anetra, Fegabús e Transcargar consideran inxustificable e absurda a negativa da Administración a retomar a negociación con todas as partes “para frear un contrasentido que está a causar grandes perdas económicas ás empresas”.
· O sector tacha de incoherente equiparar o modelo de transporte integrado de Castela e León co que se pretende montar en Galicia, pois son realidades completamente diferentes, en poboación e dispersión xeográfica.
Santiago (27-06-17).-Nova xornada de decepción para as empresas do transporte de viaxeiros por estrada, cunha folga de enorme incidencia que está a causar grandes perdas económicas e o inmobilismo da Xunta de Galicia como única resposta. As federacións Anetra, Fegabús e Transgacar si puideron esta vez contar con apoio e presenza policial para tentar afrontar os servizos mínimos, ao contrario do ocorrido a semana pasada, cando os empresarios esperaban maior axuda ante a previsible actuación dos piquetes.
Na xornada de hoxe, cunha estimación de seguimento da folga superior ao 85%, a intervención policial permitiu a saída dalgúns vehículos con servizos mínimos asinados, aínda que tamén se notou enormemente a presión dos piquetes.
A mañá transcorreu con preocupación e unha vez máis esperando sen éxito unha chamada da conselleira que permita retomar a negociación no punto en que quedou o pasado 16 de xuño, na primeira e única reunión con empresas e traballadores, cando máis preto estivo a posibilidade de entendemento para reconducir o controvertido Plan de Transporte Público da Xunta. Anetra, Fegabús e Transgacar consideran inxustificable e absurda a negativa de Ethel Vázquez a retomar o diálogo con todas as partes e “frear un contrasentido que está a causar grandes perdas económicas”.
Sobre a visita do conselleiro de Fomento de Castela e León, as tres federacións entenden que é unha incoherencia tratar de equiparar o transporte escolar integrado desta autonomía co que pretende facer a Xunta en Galicia. “Ademais de que o modelo está a levar á descapitalización e á ruína ás empresas de Castela e León _sinalaron_, trátase de realidades de poboación e dispersión xeográfica totalmente incomparables”.
Sede:
C/ Laverde Ruiz nº 6 Bajo D
15701 Santiago (A Coruña)
Teléfono:
(981) 59 75 00
Fax:
(981) 59 86 20
Correo electrónico: