[2017-06-16]
Os empresarios insisten no seu rexeitamento á folga convocada polos traballadores, pero entenden a súa preocupación ante a proxecto autonómico.
Lembraron a conselleira e sindicatos que calquera negociación sobre o convenio colectivo está hoxe supeditada “a un plan que implica menos postos de traballo e precarización das condicións laborais”.
· Están completamente de acordo coa subrogación dos traballadores, pero o proxecto da Xunta nin a contempla nin permite que se produza nunhas condicións razoables, pois condena ao sector a contratar ao persoal por horas e a salario base.
Santiago (16-06-17).-As federacións de transporte de viaxeiros en autobús en Galicia insistiron hoxe ante a conselleira de Infraestruturas e Vivenda na necesidade de paralizar o novo Plan de Transporte Público da Xunta de Galicia e retomar a súa elaboración “con rigor, calma e profesionalidade”, realizando un traballo de campo previo que reflicta a realidade e dea resposta ás necesidades do sector, tanto para empresas como para empregados e usuarios. Neste sentido, reiteraron o seu ofrecemento de seguir atendendo os servizos a partir do mes de agosto (cando terían efecto as decisións das empresas de deixar e prestar os servizos pola súa nula rendibilidade) para dar tempo a iniciar a elaboración dun proxecto alternativo.
A reunión desta mañá, convocada pola Consellería con motivo da folga que as centrais sindicais anunciaron para os martes e mércores a partir o próximo 20 de xuño, serviu para constatar que a Administración está completamente soa na defensa do seu plan de transporte, unha vez que as Anpas volveron reiterar onte a través dun comunicado público as súas dúbidas.
Os representantes empresariais, pola súa banda, volveron deixar claro que a crítica situación actual, coa maioría das concesións de liñas interurbanas cun futuro incerto pola súa nula rendibilidade, é unicamente responsabilidade da propia Xunta de Galicia, “que é quen ten as competencias para garantir un servizo público esencial e facelo de xeito que sexa viable para o tecido empresarial”. Recordaron, neste sentido, o lanzamento no ano 2009 dun plan de modernización (que esixiu ás empresas anticipar millóns de euros de investimento) finalmente anulado polo Supremo, nunha sentenza que non afectou ao transporte escolar, e insistiron na pasividade da Consellería para afrontar desde hai anos, antes incluso de que o alto tribunal convulsionara o sector, a imprescindible reestruturación dun mapa de rutas deseñado para o século pasado.
As federacións lembraron tamén á titular de Infraestruturas e Vivenda e aos sindicatos que calquera negociación sobre o convenio colectivo está hoxe supeditada a un proxecto que implica menos postos de traballo e precarización das condicións laborais, extremo no que coinciden os representantes do persoal e que xerou a convocatoria de folga. As empresas, loxicamente, non apoian o paro, aínda que entenden a postura e o malestar das centrais. Mostraron así mesmo a súa total disposición á subrogación dos traballadores, pero sosteñen que o proxecto da Xunta nin a contempla nin permite que se produza nunhas condicións razoables, pois condena a contratar ao persoal por horas e a salario base.
Non obstante, a posibilidade de que o denominado Plan de Transporte Público se reconduza atendendo ás opinións de sindicatos e empresas, está hoxe máis preto que onte.
Sede:
C/ Laverde Ruiz nº 6 Bajo D
15701 Santiago (A Coruña)
Teléfono:
(981) 59 75 00
Fax:
(981) 59 86 20
Correo electrónico: